As institucións amosan a súa solidariedade co pobo de Viveiro

As inundacións causadas pola repentina choiva en Viveiro, deixaron numerosas incidencias que afectaron, en maior medida á zona da Xunqueira. Ata alí, desprazáronse hoxe representantes de todas as institución na provincia para amosar a súa solidariedade co pobo de Viveiro. Así, a subdelegada do Goberno acompañou esta mañá á alcaldesa, María Loureiro, nunha visita a esta zona na que, aínda conmocionados polo suceso, comezaron xa os traballos de limpeza.

Antes de visitar aos veciños afectados no barrio da Xunqueira, onde comprobou os destrozos causados pola auga, a subdelegada do Goberno mantivo unha xuntanza coa alcaldesa e co seu equipo, na que Isabel Rodríguez puxo a disposición do Concello de Viveiro todos os medios e a colaboración do Goberno de España.

Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia colabora con esta localidade para paliar os danos provocados polos asolagamentos que afectaron a distintos espazos públicos, vivendas, garaxes e baixos comerciais desta localidade. A administración autonómica puxo todos os recursos a disposición do Concello, en particular, distintos efectivos, maquinaria e medios materiais dos servizos de Emerxencias, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas e de Medio Ambiente, en apoio do persoal municipal.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse tamén ata a Xunqueira, e a outros puntos da localidade, para comprobar a marcha destes traballos, centrados neste momento na limpeza das zonas que resultaron inundadas.

Balseiro reiterou a disposición do Goberno galego de traballar xuntos para intentar recuperar a normalidade “o antes posible” e nese senso, trasladou á alcaldesa de Viveiro, a disposición de seguir colaborando na avaliación de danos e asistencia ás persoas afectadas.

Tamén o presidente da Deputación desprazouse hoxe ata Viveiro onde puxoa disposición deste concello todos os medios técnicos, como o parque móbil, camións, palas, así como todo o persoal técnico que sexa necesario para valorar os informes dos afectados por estas inundacións. Darío Campos, que estivo acompañado polo voceiro do goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, trasladou o pésame á familia da única falecida a consecuencia da tromba da auga. “Hoxe é un día moi triste para todos os veciños de Viveiro, por iso quero que sentan cerca o alento e o cariño de todo o Goberno da Deputación. É unha situación moi difícil, por iso hoxe máis que nunca tócanos a todos arrimar o ombreiro e saír adiante”.

Pola súa banda, o Concello habilitou unha oficina para atender a todos os afectados. A rexedora demandou aos veciños que presenten nesta oficina unha declaración dos danos con fotografías dos desperfectos sufridos nas súas vivendas para facilitar a petición das axudas. Con esta medida, o Concello busca facilitar a tramitación de axudas aos veciños afectados. Dende o Consistorio tamén están valorando solicitar a declaración como zona de especial urxencia de Protección Civil.

Concentración de intensas choivas
Na estación meteorolóxica máis próxima aos lugares afectados “Penedo do Galo” rexistrouse o evento: 80 litros/m2 en a penas 3 horas, dos que 30 l/m2 caeron en tan so 30 minutos dende as 21:40 as 22:10 horas. Rexistrouse incluso un pico de 14,8 litros/m2 en so dez minutos (de 21,50 as 22,00h). “Os datos amosan unha intensidade extraordinaria nunha bacía pequena sen capacidade para evacuar toda a auga caída. Estas intensidades de choiva, fixeron que o desbordamento do río fora inevitable”, explicou o delegado territorial da Xunta. En todo caso, “nas predicións meteorolóxicas desta fin de semana non se contemplaba e, polo tanto non se advertiu, dunha intensidade de choiva como a que finalmente aconteceu”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com