As Mercedes crea unha aula de tecnoloxía aplicada con robótica e simuladores de realidade virtual

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade incorporou no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes de Lugo unha aula de tecnoloxía aplicada con equipamento de creación, reprodución e visión de realidade virtual e realidade aumentada ou sistemas robóticos, entre outras dotacións.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou as novas instalacións, que foron reformadas e equipadas cun investimento de 50.000 euros. Xa dispoñen de dous simuladores funcionando e están comezando a usar un robot colaborativo logo de que esta semana recibiran formación sobre o seu manexo por parte da empresa instaladora.

Este proxecto enmárcase na aposta da Xunta por avanzar na dixitalización e na calidade que se ofrece na FP galega, estreitando o vínculo entre Formación Profesional e empresa como vía para dar un valor engadido á preparación que os estudantes acadan nos ciclos formativos.

Neste sentido, que o alumnado poida simular desde os propios centros de ensino procesos produtivos reais favorece que acade unhas mellores competencias de cara á súa incorporación ao centro de traballo e, polo tanto, redunda nun maior beneficio para a empresa que o incorpore no mercado laboral; tamén facilita que faga realidade a súa propia idea de negocio.

A aula estará a disposición do alumnado das catro familias profesionais do CIFP As Mercedes: Comercio e márketing, Instalación e mantemento, Enerxía e auga e Transporte e mantemento de vehículos. Grazas ás técnicas virtuais e interactivas poderán traballar en diferentes escenarios, dende a animación de espazos comerciais ata a montaxe de instalacións frigoríficas ou instalacións solares térmicas ou o mantemento correctivo dun motor de turbina de avión.

Arias destacou que As Mercedes é un dos 78 centros galegos que forman parte da recentemente creada Rede Galega de Educación Dixital, que naceu este curso ao abeiro do Plan Dixital de Centro da Consellería de Educación.

Esta iniciativa implica acompañamento profesional e específico en todo momento a través de 78 docentes cunha dedicación completa e exclusiva a esta función, a razón de un para cada un dos centros baixo a coordinación de dúas persoas da Consellería de Educación.

Igualmente, o instituto lucense é un dos que se beneficiará da nova Estratexia de FP Galicia 2030, que contempla un investimento de 900 millóns de euros nos próximos tres anos para consolidar unha rede de centros de excelencia e personalizar estas ensinanzas.

O delegado territorial subliñou o traballo da Consellería “pola mellora constante dos contidos, os métodos da aprendizaxe e a confortabilidade e eficiencia das instalacións dos centros de ensino público”. Ao respecto, lembrou que vén de acometerse unha obra de urbanización no recinto deste instituto, na que se investiu 25.000 euros. Implicou a regularización do chan, renovación do pavimento e pintado de marcas viarias e zona de aparcamento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com