A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude Ana G Abelleira presentaba esta mañá os actos organizados con motivo do Día Internacional da eliminación da Violencia contra a Muller, o 25 de novembro, “unha data e unha programación na que queremos que toda a cidadanía se implique”, afirmou a edil.
O 25 de novembro, a Casa da Muller vai poñer en marcha unha serie de accións englobadas en torno a un concepto que é o de INVISIBLES. “Por Invisibles entendemos todas aquelas mulleres que, polo feito de ser mulleres, estiveron e continúan estando ocultas, desprazadas, discriminadas, marxinadas e minimizadas, tanto na súa esfera persoal como na social. Invisibles á hora de exercer a súa profesión, á hora de desenvolverse como persoas plenas de dereito, á hora de manifestar as súas opinións, á hora de vivir unha vida propia, digna e libre” explicaba a concelleira.
Cada ano INVISIBLES está adicado a mulleres que foron ou son invisibilizadas, como unha forma de dar luz, de dar a coñecer e de recuperar a súa historia ensombrecida e, demasiadas veces, eliminada, unha programacion que pretende visualizar que a igualdade aínda ten que abrirse camiño e gañar loitas e espazos. Este ano homenaxeará ás mulleres cineastas, que coas súas visións distintas e coa súa mirada única, son capaces de abrirnos mundos que cremos necesario coñecer. Ademáis, se porá de manifesto a situación discriminatoria das mulleres nun eido no que, maioritariamente, a cara visible é a dos homes.
INVISIBLES vai ter catro liñas de acción: A primeira, serán os espazos expositivos en catro puntos da cidade (Casa da Muller, Tinería, Praza de Sto. Domingo e Praza Pío XII), dos días 23 ao 30, que lembrarán ás mulleres asasinadas e servirán, ademáis, de puntos informativos do resto de actividades.
A segunda das accións será o espazo expositivo chamado FEITO POR UNHA MULLER que dará a coñecer – fará visibles – a mulleres cineastas e as súas obras audiovisuais. Xunto con este espazo, a terceira liña, o Festival Cinema de Mulleres (Filmu) que terá lugar do 25 ao 29 de novembro nos Codex Cinema, no que se presentarán películas feitas por mulleres e se realizarán charlas con cineastas invitadas así como a presentación dun Decálogo de como ver cinema en igualdade.
Por último, terá lugar o Faladoiro Feminista con Mabel Lozano o día 28, que presentará, por primeira vez en Galicia, o seu novo libro PornoXplotación e que tamén proxectará, no marco do Festival, o documental El Proxeneta.