As Nogais adquire un punto verde móbil para ampliar o servizo de recollida de residuos urbanos

A Xunta facilitou unha axuda de case 70.000 euros para apoiar ao Concello das Nogais na adquisición dun punto verde móbil, co que ampliar o servizo de recollida de residuos urbanos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Jesús Manuel Núñez, supervisaron o funcionamento deste novo equipamento que virá a completar o servizo que ofrece o punto limpo no concello. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén asistiu a este acto.

Vázquez Mejuto salientou que o camión recolector poderá chegar aos 45 núcleos nos que está dividido o concello, facilitando aos máis de 1.000 veciños o depósito de residuos domésticos de volume considerable, ou residuos especiais, que non se deben depositar no contedor xeral.

Destacou que este tipo de iniciativas son importantes, non só porque se lles da un tratamento axeitado ao enxoval en desuso, electrodomésticos inoperativos ou baterías e pilas esgotadas, senón tamén porque se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas zonas naturais dos concellos e se abre a posibilidade de darlle unha segunda vida, a través da recuperación de materiais.

Nese sentido, a conselleira felicitou ao Concello pola súa implicación e invitounos a dar un novo paso en materia de residuos: implantar -canto antes- a recollida separada de biorresiduos, un proxecto no que tamén poden contar coa axuda do Goberno galego. Lembrou que ata o 22 de febreiro se poden solicitar axudas a dúas liñas de actuación, unha para introducir o quinto contedor -o de biorresiduos- na recollida municipal e, a segunda, para fomentar a compostaxe doméstica.

As axudas poden acada o 90% do custo da actuación e esta orde dispón un orzamento de 13,5 millóns de euros. Ademais, recordou que os concellos lucenses que aínda non contan con punto verde móbil tamén dispoñen dunha liña de incentivos á que poden solicitar unha axuda individual -de ata 70.000 euros- para adquirir este tipo de equipamentos. O prazo permanece aberto -ata o 22 de febreiro- e esta liña específica conta cun orzamento de 1,47 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com