Durante a execución dos traballos de peonalización na rúa Quiroga Ballesteros foron achadas dúas lápidas funerarias de orixe romana. Na primeira inspección levada a cabo onte a mañá polo Servizo municipal de Arqueoloxía puido constatarse que as pezas posúen un relevante valor histórico, xa que a súa datación situase entre o século I e o século II da nosa era. As pezas atópanse fora do contexto funerario para o que foron concibidas, polo que os arqueólogos consideran que puideron pertencer a un mausoleo dunha necrópole próxima, como a localizada na Praza de Ferrol nas escavacións arqueolóxicas dos aparcadoiros soterrados en 1986, que foi desmantelada en período romano para ampliar a cidade amurallada e cuxos restos foron reutilizados con posterioridade para distintos proxectos de obra civil e edificacións.
Unha das lápidas atópase nun excelente estado de conservación e conten información de valor histórico relevante. Na súa inscrición pode apreciarse o seu carácter funerario pola utilización da fórmula “Dis Manibus” (implorando a protección dos deus Manes, os deuses dos defuntos), que pertenceu ao sepulcro dunha muller chamada posiblemente Rufina. Na outra lápida non se observa aparentemente ningunha inscrición, polo que todo indica que estaba alisada e preparada para ser gravada pero nunca chegou a facerse, aínda que é necesario esperar a probas posteriores para confirmalo. A natureza granítica de ambas pezas suxire unha posible relevancia social dos destinatarios e polo aspecto é posible que no seu momento chegaran a ser policromadas con pigmentos vermellos.