As obras de acondicionamento do carril bici no Paseo do Rato obrigarán a manter cortado un tramo de 200 metros da zona peonil (entre os puntos quilométricos 2 e 1,8 da estrada LU-P-2925) dende mañá mércores e durante unha semana, ata o día 12 de novembro. Esta medida é necesaria para a construción dos muros de contención, a fase na que se atopa o proxecto, froito da colaboración entre a Deputación e o Concello de Lugo.
Unha vez rematada esta fase, realizarase a correspondente pavimentación e colocaranse as estruturas de madeira. Finalmente, pintarase o eixe do carril bici mediante unha marca viaria reflexiva branca e situarase a correspondente sinalización vertical.
Deputación e Concello de Lugo destinan 505.600 euros para a creación do carril bici, que permitirá poñer en valor este espazo, un dos escenarios naturais máis característicos e concorridos da cidade de Lugo. As actuacións e materiais utilizados non afectarán á vexetación de ribeira do Rato, pois, tanto no propio paseo como nas plataformas, empregaranse materiais antiesbarrantes e respectuosos co medio ambiente e coa fauna da zona.