A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe no concello lucense de Bóveda na segunda etapa da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento.
Patricia Argerey destacou na súa intervención que as pemes son unha prioridade para a Xunta de Galicia -como motor da economía galega- e que, por iso, se persegue que aquelas que aínda non iniciaron o camiño da innovación o fagan, xa que é un factor clave para a competitividade das compañías.
Así mesmo, a directora da Axencia Galega de Innovación sinalou que actualmente as empresas galegas se enfrontan a retos globais que dificilmente se poden abordar sen innovación e o papel da Administración debe ser acompañalas neste proceso. Para iso, púxose en marcha o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que inclúe diferentes actuacións, como liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais e de sectores maduros que queren empezar a innovar; difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras; desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar; difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e asesoramento personalizado.
No encontro celebrado en Bóveda técnicos de Gain e do Igape, dependentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) Miño-Ulla e Ribeira Sacra-Courel, explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta.
Ademais, celebrouse unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. En Bóveda, a cita con compañías innovadoras reuniu ás empresas Acios Glamping & Wine, dedicada ao turismo rural; Granja Campomayor, empresa avícola; e Jim Sports, distribuidora de material deportivo e tecnoloxía aplicada ao deporte.
En total, dentro de Camiño de futuro celebraranse catorce encontros de networking durante os meses de marzo e abril por toda a xeografía galega. A seguinte parada -tamén na provincia de Lugo- é mañá xoves en Mondoñedo, a partir das 12 horas no pazo de San Tomé. A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, os grupos de desenvolvemento rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP), así como as confederacións de empresarios de Lugo e Ourense.