As piscinas municipais exteriores de Frigsa abrirán as súas portas este sábado, 1 de xullo.
As instalacións permanecerán operativas os principais meses do verán, até o 31 de agosto, en horario continuo de 12:00 a 20:30 horas de luns a venres, mentres que a fin de semana pecharán media hora antes (de 12:00 a 20:00 horas).
O equipamento disporá de servizo de socorrismo en todo momento cun mínimo de dous profesionais que atenderán o recinto e que, en momentos de máxima afluencia, se reforzarán en número para garantir a seguridade das persoas usuarias.
Os prezos serán de 1 euro para a mocidade ate os 15 anos (10’80 € o abono de 15 baños); de 2’20 euros para adultos, maiores de 16 anos, (22’30 € o custo do abono); de 11’10 euros o abono para pensionistas e, para familias a partir de tres membros de 29’90 euros (o abono de 15 baños) e 59’10 € (o abono de 30 baños).
As piscinas exteriores de Frigsa están compostas por tres vasos de diferentes medidas e profundidades adaptados a todos os públicos:
- Plato sen profundidade: para menores de 3 anos e con capacidade para 13 crianzas.
- Piscina mediana: cunha profundidade máxima de 1’30 metros, para a rapazada entre 4 e 12 anos de idade, con capacidade para 35 persoas.
- Piscina profunda: de 8 rúas e 25 metros de longo cunha profundidade mínima de 1′ 20 e máxima 2’50 metros, na que é obrigatorio saber nadar para facer uso da mesma e cunha capacidade de 100 persoas.
O Concello lembrou que mantén aberto o resto de piscinas municipais ao longo de todo o ano, incluído en verán. De xeito que neste próximo mes de xullo continuará funcionando a de Frigsa mentres que, en agosto, a cidadanía poderá empregar a de As Pedreiras.
Horario mes de xullo. Piscina Frigsa
– De luns a venres: de 07:00 a 22:30 horas.
– Sábados: de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas
– Domingos: de 10:00 a 14:00
Horario mes de agosto. Piscina As Pedreiras
– De luns a venres: de 08:00 a 22:30 horas.
– Sábados: de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas
– Domingos: de 10:00 a 14:00 horas.
Asemade continúa aberto atá mañá, 30 de xuño, o prazo de matriculación para os cursos intensivos de natación para crianzas que se desenvolverán en setembro en ambas as dúas piscinas climatizadas. Poderán anotarse nenos e nenas nacidas entre o 2013 e o 2017 incluídos, nas oficinas de Deportes situadas na piscina municipal de Frigsa.