As ratas provocan incidencias na rede semafórica da Fonte dos Ranchos

Numerosos veciños da capital lucense queixáronse esta fin de semana das incidencias que se estaban a dar coa rede semafórica da Fonte dos Ranchos. Os semáforos deixaron de funcionar o xoves e ata esta mañá non se puideron poñer a funcionar. Segundo expresaron dende a área de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo, as sinalización luminosas non estiveron operativas debido a mordeduras de ratas no cableado.

“Esta é unha incidencia que se vén repetindo nos últimos tempos en varios puntos da cidade”, indicou o edil titular de Infraestruturas Urbanas, que engadiu “vimos de trasladar un informe á área de Medio Ambiente, para que poidan estudar as posibilidades de realizar unha desratización nos puntos máis habituais deste tipo de incidencias e garantir o bo funcionamento da rede semafórica e de alumeado”.

A área de Mobilidade e Infraestruturas inviste anualmente 200.000€ neste contrato, que inclúe un total de 5 persoas empregadas, que traballan de luns a venres e durante as mañás dos sábados. Durante os dous últimos anos, o contrato estivo prorrogado, rematando a principios deste mes. “Estamos traballando xa na renovación do contrato, que agardamos que saia nos seguintes meses”, indicou o edil nacionalista, que engadiu “neste novo contrato, estase estudando a inclusión da renovación do cableado por cable apantallado metálico, que reducirá este tipo de incidencias, e por outra banda, aumentar a atención tamén ás fins de semana”.

O PP esixe a desratización

Este asunto chegou tamén ás mans do Partido Popular quen, esta mesma mañá, esixía ao goberno local a desratización da cidade. O voceiro popular, Ramón Carballo reclamaba un plan de desratización urxente da
cidade, xa que os problemas coas ratas non se deron unicamente neste punto, se non tamén noutras localizacións como a Avenida das Fontiñas, Bispo Odoario, Avenida da Coruña ou Lamas de Prado. “Ademais, non hai moito que dende o Grupo Municipal Popular denunciamos a situación que vive un lucense no barrio Feijóo, no que as ratas entraban á súa vivenda debido a que dende o Concello de Lugo non se facía nada por asegurar a salubridade nesta e noutras zonas da cidade”, indica o popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com