Mañá as 12:00 terá lugar no centro comercial As Termas, a presentación da exposición científica Phänomenta. Esta iniciativa, na que o ano pasado participaron máis de 10.000 persoas, estará a disposición dos visitantes do centro comercial dende o xoves 5 de marzo ata o sábado 14 de marzo.
O Centro, no seu labor de implicación e contribución ao desenvolvemento cultural, quixo traer de novo esta mostra a Lugo, tanto pola calidade educativa e á vez lúdica, así como polo seu interese como medio para fomentar a comprensión da ciencia a través dunha vivencia única e particular.
Este ano, Phänomenta permitirá interactuar con 28 actividades diferentes ás da primeira edición, incluíndo unha área de experimentos dedicados a nenos de entre 3 e 8 anos. Ademais haberá un pequeno taller experimental onde co apoio dun monitor, os máis pequenos poderán recrear algunhas actividades da exposición.
As persoas invidentes tamén poderán gozar desta mostra, grazas á colaboración da ONCE para adaptar a exposición.
Tras un exitoso percorrido por máis de 100 centros comerciais de Europa, As Termas, acolle por segunda vez a exposición itinerante de ciencia Phänomenta con 28 novos experimentos.