A asemblea de traballadoras da limpeza, celebrada onte, acordou por unanimidade instar unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais co obxectivo de desbloquear a negociar colectiva e avanzar nun acordo de convenio que solucione o conflito no servizo de limpeza.
As traballadoras toman esta decisión porque a patronal estatal “ten secuestrada a negociación, negándose a presentar novas propostas e non fixando sequera un calendario de reunións da mesa”, a pesar de que xa transcorreron 40 días dende o inicio da folga indefinida. Neste senso, a CIG denuncia que, malia as consecuencias evidentes que ten o paro, ASPEL mantén unha postura inmobilista dilatando a folga.
A solicitude de mediación xa foi instada polas tres centrais sindicais, e no caso da patronal rexeitar sometese a este mecanismo, “á administración non lle quedará máis remedio que tomar cartas no asunto”, valora Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo.
Castiñeira reitera a inxustiza que supón que as trabalaldoras da limpeza teñan que perder soldos e cotizacións sostendo unha folga indefinida para conseguir un dereito ao que a lexislación xa obriga; cando ademais, a nivel social, se está intentando culpabilizar as traballadoras das consecuencias derivadas dunha folga tan prolongada. “As traballadoras non están en folga por gusto, estano porque é a ferramenta que lles queda para conseguir unhas condicións dignas”, asevera.
Coincidencia das mobilizacións co acto institucional da Deputación
Á espera da resposta patronal, as traballadoras tamén acordaron continuar coas mobilizacións diarias e coa caravana reivindicativa para dar visibilidade á súa loita e pedir a solidariedade da clase traballadora. Este venres tiñan previsto protestar no interior do Concello, pero como non lles permitiron permanecer dentro das dependencias municipais, as traballadoras fixeron unha sentada nos soportais da Casa Consistorial.
Coincidiu que, pouco despois, a Deputación tiña programado na Praza Maior un acto institucional polo Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. E as traballadoras non quixeron perder a oportunidade de criticar a “hipocrisía” das administracións, que en datas sinaladas da loita feminista como o 25 de Novembro “saen a facer actos institucionais e grandes declaracións mentres consisten que sectores feminizados como o da limpeza (no que o 90% son mulleres) permanezan na absoluta precariedade”.