As traballadoras da limpeza da Garda Civil de Tráfico en Lugo están en folga indefinida para esixir o cobro dos seus salarios

As traballadoras do servizo de limpeza da Agrupación da Garda Civil de Tráfico de Lugo están en folga indefinida dende o pasado 7 de febreiro para esixir o cobro dos seus salarios. A empresa Yaunde SL (que dende o ano 2021 ten adxudicado o contrato de limpeza destas instalacións en Galicia, Asturias e Cantabria),  acumula xa unha débeda de cinco meses de salario co seu persoal.

Ante a desaparición da empresa, que non responde nin sequera aos correos electrónicos, e as informacións contraditorias por parte da administración estatal, as dúas traballadoras que prestan o servizo na agrupación de Lugo acordaron pórse en folga indefinida até que lle abonen os salarios. Para visibilizar as súas demandas, onte xoves día 17, realizaron unha concentración diante das oficinas da Comandancia da Garda Civil de Lugo.

A propia Inspección de Traballo levantou acta de infracción e sanción contra a empresa tras constatar os feitos e solicitar de maneira reiterada a Yaunde que acreditara o abono das nóminas, requirimentos aos que a dirección fixo caso omiso.  De feito, a empresa, con sede nunha localidade de Sevilla, está completamente desaparecida, non ofrece ningún tipo de información e descoñécese mesmo se vai entrar en concurso de acredores.

A CIG ten solicitada unha reunión coa Subdelegada do Goberno en Lugo para tratar esta problemática e buscar unha solución, pois, como lembra Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, “o FOGASA só cubre os primeiros 120 días de impago, pero a día de hoxe Yaunde xa acumula unha débeda de cinco nóminas”.

Por iso, Paz esixe á administración estatal que proceda á rescisión inmediata do contrato coa empresa ante tan manifesto incumprimento dos pregos de condicións, que se garanta ao conxunto do persoal afectado (os impagos danse en todos os centros de traballo) que van poder percibir os seus soldos e unha actuación contundente con este tipo de empresas pirata que veñen facer negocio a conta dos cartos públicos e de roubarlle os salarios as traballadoras.

Neste senso, critica a falta de dilixencia da administración para cortar estes abusos laborais nas súas contratas. Unha pasividade que converte as institucións en “cómplices destes incumprimentos e irregularidades por adxudicar concursos públicos a empresas sen ningunha solvencia económica nin escrúpulos cos dereitos das traballadoras”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com