As traballadoras do SAF de Chantada volven ás rúas contra a privatización do servizo

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Chantada volveron manifestarse esta tarde, ás 20 horas, dende o local sindical (Praza de Galicia) en rexeitamento á privatización do servizo que ten en marcha o Goberno municipal e para esixir unha axuda a domicilio de calidade, 100% pública e cunha condicións laborais dignas. A mobilización fíxose na véspera da celebración, mañá, do Pleno municipal no que, previsiblemente, se aprobarán as bases do contrato do SAF.

Segundo puido saber a CIG, o documento, que non foi trasladado pola concelleira de Servizos Sociais ás traballadoras nin á súa representación legal, contempla a subrogación do conxunto do persoal, pero incorre en numerosas contradicións, como o feito de que recolle que se manterán as condicións laborais e salariais ás traballadoras ao tempo que establece que o convenio de aplicación será o do sector.

Dúas cuestións que para o responsable da CIG de Monforte, Xosé Manoel Silva, “son incompatibles”, tendo en conta que as traballadoras do SAF teñen as mesmas condicións que o resto do persoal laboral do Concello, reguladas nun convenio propio. “Como se pode conxugar isto, ou é que van promover dúas clases de persoal con condicións distintas?”, pregúntase.

Para Silva resulta “esclarecedor” da falta de motivación para privatizar o SAF que as bases vaian acompañadas de diversos informes técnicos xustificando que non estamos ante unha privatización, senón que se trata dunha ‘externalización’ do servizo. O “despropósito” nesta medida é tal, subliña, que “o Goberno local nin sequera foi capaz de elaborar os pregos e tivo que contratar a unha asesoría laboral externa”.

Neste contexto, as delegadas de persoal do SAF critican que, a pesar de estar en folga indefinida dende o pasado 28 de outubro, “até o momento nin o alcalde nin a concelleira da área se puxeron en contacto con elas para abordar o proceso de privatización, informarlle de como pensan executar a subrogación ou cales serán as condicións nas que se vai prestar o servizo ás usuarias e usuarios”.

Na súa loita por frear a privatización do servizo, as traballadoras entregaron máis de 3.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza á Consellaría de Política Social pedindo a súa intervención e promoveron unha moción de apoio na Deputación de Lugo, que foi aprobada esta mesma semana cos votos a favor do PSOE e BNG, mentres que o PP votou en contra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com