As traballadoras do SAF de Monterroso recollen 2000 sinaturas contra a privatización do servizo

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Monterroso farán entrega hoxe xoves, 15 de Abril, dun total de 1920 sinaturas recollidas entre a veciñanza do municipio en rexeitamento á privatización do SAF iniciado polo Goberno municipal e para demandar un servizo 100% público, estábel e de calidade. Desde a CIG amosaron hoxe a satisfacción polo apoio dos veciños e veciñas na defensa dun servizo público de tanta necesidade como é Servizo de Axuda no Fogar.

A recollida de sinaturas “manifesta claramente a deslexitimación do goberno municipal á hora da adopción de dita medida”, posto que o número de sinaturas recollidas é superior ampliamente ao número de votos dos partidos que compoñen a coalición de goberno.

“Lembremos que o PP acadou 695 votos e IxM acadou 798 votos, se ben IxM non levaba no seu programa electoral nada relativo á privatización do servizo, e que a súa presenza no grupo de goberno é froito dunha división interna no grupo, e que polo tanto non conta co apoio de todos os seus votantes”, explican dende a CIG.

Desde o sindicato chaman ao grupo de goberno á reconsideración desta medida posto que “a privatización do servizo vai a supor un encarecemento do mesmo e tamén un deterioro progresivo do servizo posto que para unha empresa privada o que prima é o beneficio e non a
calidade do servizo”, e xustamente o beneficio aumenta a costa de recortar na calidade do servizo.

“Entendemos que a privatización é unha decisión absolutamente antidemocrática, posto que ainda que o goberno teña a maioría absoluta no pleno, esa maioría non é real, e o que se produce finalmente con esta decisión unilateral e tomada ás costas das persoas traballadoras do servizo é unha perversión do sistema democrático”.

Neste senso se posicionou hoxe tamén o Grupo Socialista de Monterroso. O seu voceiro, Rafael García remarcou “que dende o Grupo Socialista sempre defendemos un SAF público, que sexa xestionado de xeito directo a través dos servicios municipais. Xa que estamos diante dun servizo moi sensible e esencial, e onde se trata directamente con persoas vulnerables, que ademais na maioría dos casos están recoñecidos pola lei de dependencia”, argumentou.

O Voceiro sinalou que “as usuarias e usuarios do SAF requiren unha calidade asistencial de primeiro nivel, por iso insistimos, en que o trato directo cos mesmos debe ser a través do Concello, para xerar unha interlocucción fluída entre os usuarios e os responsables do servizo, e prestar así unha boa calidade asistencial entre as veciñas e veciños da vila”.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Luis Díaz
    Abr 15, 2021 - 06:50 PM

    Ya estamos… Los camándulas que ni crean industria ni riqueza con su dinero, se apuntan a piratear lo público, después se dicen empresarios ¡ Manda huevos ! Que decia aquél Ministro del PP.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com