O Secretario Provincial dos Socialistas Lucenses –Juan Carlos González Santín- participa este sábado na xornada “Xuventude e Política” organizada polas Xuventudes Socialistas de Lugo que coordina Jesús Vázquez Tallón. Esta xornada contará tamén coa participación dos secretarios de Economía, Política Social e Política Municipal do PSOE- Pilar García Porto, Ana González Abelleira e Álvaro Santos-, a vicepresidenta segunda da Deputación – Lara Méndez- e o candidato á reelección á alcaldía de Lugo –José López Orozco-; así como diferentes representantes das Xuventudes Socialistas da provincia.
Este encontro xuvenil, destinado aos mozos e mozas afiliados e aberto ao resto da cidadanía, ten como obxectivo abordar diferentes aspectos relacionados coa política que poden ter unha incidencia directa sobre a xuventude. A xornada contará con tres charlas dunha hora aproximada de duración na que candidatos a estas eleccións municipais, tanto militantes das Xuventudes Socialistas e do PSdeG debaterán sobre Economía, Servizos Sociais e Política Municipal.
A apertura da xornada será as 9:45h a cargo do Secretario Provincial de Lugo do PSdeG e do Coordinador Provincial de Lugo das XSG. Posteriormente González Santín, Rodrigo Pavón secretario de XSG Vilalba e membro da candidatura do PSdeG neste concello e a candidata do PSdeG en Antas de Ulla, Pilar García Porto debaterán sobre política económica.
A partir das 11:00 horas, González Abelleira e Daniel Castro, secretario xeral de XSG Lugo ofrecerán unha charla sobre políticas sociais e de benestar centrándose, especialmente, nas levadas a cabo polo goberno socialista de Lugo nos últimos anos. Para rematar, Álvaro Santos, Lara Méndez e Jesús Vázquez falarán sobre cooperación cos concellos dende entes provinciais antes da clausura da xornada que correrá a cargo de José López Orozco a partir das 13:00 horas.