As XX Xornadas da Sección de Psicoloxía celebraranse no pazo de San Marcos

Esta mañá presentouse no Pazo de San Marcos, a vixésima edición das Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que durarán ata o sábado 21. Nesta edición o título das mesmas é, “Identidade e personalidade: de que estamos a falar?” e terán como lugar de celebración o Pazo de San Marcos da capital lucense.

Na presentación de hoxe participaron a presidenta do Comité Científico das Xornadas, Mercedes Castro Bal, e da presidenta do Comité Organizador, Delia Guitián Rodríguez, xunto coa deputada de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade, María Loureiro, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pois Deputación e Concello de Lugo colaboran con estas xornadas. Loureiro e Méndez brindaron o apoio de ambas as dúas institucións ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e, en xeral, a todos os profesionais do sector de saúde, “que estades a atravesar un momento moi complexo, con moitas dificultades para realizar a voso imprescindible traballo debido aos recortes na saúde pública das principais administracións no país. Contade co apoio da Deputación e do Concello de Lugo para recuperar a calidade da nosa sanidade pública “, remarcaron. Do mesmo xeito, Loureiro e Méndez, que se mostraron orgullosas de que Lugo acolla este encontro, reivindicaron unha maior implicación por parte das administracións no ámbito científico. De feito, é a segunda vez na capital da provincia, despois de catorce anos. Nesta edición, as Xornadas buscan fomentar o intercambio de coñecementos e a experiencia clínica respecto á conceptualización da personalidade e da identidade no actual contexto social, así como o seu manexo desde a psicoterapia. psicólogos e psicólogas galegas,

Abrirá a programación o xoves 19 un obradoiro previo co que traballar en profundidade desde unha perspectiva aplicada. Tratará sobre a intervención integradora nos déficits metacognitivos en Trastorno Límite da Personalidade, e estará impartido polo psicólogo clínico Ignacio Serván García, que exerce na Unidade de Trastornos de Personalidade da Clínica San Miguel de Madrid.

Na xornada do venres, a primeira intervención correrá por conta do profesor de Antropoloxía do Parentesco e Familia do Departamento de Antropoloxía Social da “Universidad Complutense de Madrid”, que ofrecerá unha conferencia co título “Antropoloxía, personalidade e identidade(s); un tecido de relacións e elementos”. A primeira das mesas abordará o poder, a violencia e a identidade, coordinada pola presidenta do Comité Científico das Xornadas, a psicóloga clínica Mercedes Castro Bal. Participará o xefe de servizo de Psiquiatría do Hospital Lucus Augusti, o psiquiatra Luis Vila Pillado, que reflexionará sobre a personalidade autoritaria; xunto co psicólogo clínico do Complexo Hospitalario da Coruña, Gonzalo Martínez Sande, que falará da presenza da violencia; e pechará esta primeira mesa a xornalista da TVG Ana Expósito Valle para abordar o poder do medo.

Xa na tarde do venres collerá o relevo a mesa sobre o desenvolvemento e cambios na identidade e na personalidade. Comezará cunha intervención sobre a avaliación psicolóxica, como evolucionou e sesgos na medida da personalidade por conta da psicóloga clínica e profesora do Departamento de Psicoloxía Biolóxica e da Saúde da “Universidad Autónoma de Madrid”, Rocío Fernández Ballesteros, que tamén impartirá a conferencia de clausura o sábado sobre o envellecemento activo e os preditores da personalidade e outras variables psicolóxicas. O psicólogo clínico da USM Burela, de Lugo, Mariano Carrero Moure, reflexionará sobre o desenvolvemento social e a personalidade, mentres que Consuelo Escudero, exporá a perspectiva da infancia.

A terceira das mesas coa que concluirá a sesión do venres versará sobre a conceptualización, a intervención e a personalidade. Será de novo Ignacio Serván un dos participantes, nesta ocasión para expoñer o traballo intensivo con trastornos de personalidade grave na comunidade terapéutica, e completarán esta mesa dous especialista de psicoloxía clínica da nosa Comunidade. A primeira será Mª Antonia de Miguel García que tratará a técnica psicoanalítica e a invención dun dispositivo de palabra; para continuar José Manuel González Alonso, que se achegará á personalidade dende un enfoque sistémico.

Na mañá do sábado desenvolverase a última das mesas, que pretende achegar unha ollada máis alá do psicolóxico, e nela daranse cita tres profesionais de distintos eidos. O lingüista e profesor de español na Fundación xeral da “Universidad de León”, Moisés Hidalgo Salido, centrarase na reconstrución da identidade a través da mediación terapéutica da aprendizaxe con inmigrantes reclusos. Continuará a veterinaria lucense Ángela González Martínez que falará sobre os cans e a súas patoloxías do comportamento e período crítico. Pechará esta mesa o responsable do Grupo de Xenética Psiquiátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), para trasladar a ollada da xenética ao ámbito da personalidade.

Previamente a esta mesa a directora do Consello de Redacción do Anuario “Psicoloxía e Saúde”, Marta González Rodríguez, presentará o número 8 desta publicación anual que edita a Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio e que terá como tema o amor. Tamén se dará paso á presentación de comunicacións libres.

Esta iniciativa impulsada polo COPG está recoñecida como unha Actividade de Interese Sanitario por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia. Vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de Psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar, os formularios de inscrición están accesibles na páxina web do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. As Xornadas rematarán coa entrega do premio ao mellor póster e á mellor comunicación libre entre os traballos que se presenten.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com