Asinado o convenio da estación Intermodal

Esta mañá quedou asinado o convenio de colaboración para a nova área de Transporte Intermodal do municipio. Este documento recolle o compromiso dos tres organismos implicados – ADIF, Xunta e Concello – en termos económicos e por anualidades, segundo as intervencións que contempla.  Así, do conxunto do proxecto, orzamentado en 49.261.696 euros, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias achegará 30.904.849 €, o ente autonómico 13.681.981 € e o Concello de Lugo 4.674.865 €.

Segundo informaron na rolda de prensa, as obras poderían comezar a principios de 2024 e prevese que estean rematadas no verán de 2025.

A presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, encomiou “o gran resultado final do proxecto, froito dun traballo de coordinación entre tres Administracións que cómpre subliñar”, ao tempo que puxo en valor que “atopamos a mellor fórmula para integrar no espazo da actual estación unha nova dotación adaptada ás necesidades de tráfico e da modernidade que se está acadar coas melloras na liña ferroviaria Ourense – Monforte – Lugo, pero tamén un espazo para a intermodalidade coa estación de autobuses, de maneira que favoreza á mobilidade das e dos lucenses a través do paso urbano”, ao que considerou como o eixe central do proxecto.

No caso do novo paso inferior que conectará ambos lados da canle ferroviaria e, que suscitou tanta controversia, por estar baixo dominio público ferroviario, Adif outorgará unha concesión administrativa, sen custo, en favor do Concello por un período máximo de 75 anos. De xeito que a Administración local aceptaráentre outras obrigas, a conservación e mantemento das infraestruturas resultantes e realizará, igualmente, unha reorganización no transporte urbano para garantir a adecuada conectividade da nova área Intermodal cos principais puntos de interese da cidade, tales como hospitais, centros de saúde, universidades, zonas comerciais, etc…

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com