Unha nova asociación cultural ven de constituírse en Lugo, iso é, sen dúbida, unha moi boa noticia. E, se ademais é para apoiar lingua e a cultura galega e por riba formada por mozas e mozos, nunha cidade como Lugo, tan necesitada destas accións, pois non podemos máis que dárllela noraboa.
A asociación, presentouse na praza da Mosqueira, en Lugo, e a iniciativa, segundo informan dende a directiva, “xermola co gallo de fortalecer o tecido cultural do entorno a través de encontros onde a tradición estará moi patente”. Precisamente, este ano no que se homenaxea ás cantareiras polas Letras Galegas, os integrantes desta proposta asociativa desexan sumarse tamén ao recoñecemento.
“O logo, autoría de Alba Buide, xa manifesta o compromiso que queremos manter coa nosa herdanza musical, pois cabo da muralla e a néboa aparece unha pandeireta”, explica Brenda González, a presidenta da asociación. Asemade, González salienta que Entre a Néboa ten un obxectivo moi claro que é o de espallar a lingua e historia galega entre a mocidade: “Consideramos relevante que a xente nova teña acceso a puntos de reunión onde haxa espazo para o estudo ou a reflexión en torno ás nosas tradicións”, afirma para a continuación lembrar que tamén están moi interesados en apoiar variadas disciplinas artísticas. Por ese motivo, algunhas das aspiracións futuras de Entre a Néboa son as de organizar concertos, coloquios ou talleres que contribúan á vitalidade cultural en Lugo. “Ademais, confiamos en establecer diálogos xeracionais que poden ser moi estimulantes, pois é un xeito de que a xuventude se achegue a quen os precedeu para seguir o ronsel”, aseguran. En mente teñen xa ideas concretas nas que están a traballar e que presentarán nas vindeiras semanas.