A Asociación de Persoas Xordas de Lugo (Asorlu) presentou esta mañá as actividades que terán lugar mañá, 14 de xuño, na cidade co gallo do Día Nacional da Linguaxe de Signos. A presentación das actividades así como a lectura do manifesto, foi levada a cabo polo presidente da Asociación, Brais Vila, que estivo acompañado polo vocal da mesma, Miguel Pérez e a edil de Benestar Social, Igualdade e Inclusión no Concello de Lugo, Ana González Abelleira. Ademáis, estivo presente unha intérprete da linguaxe de signos para interpretar tanto as verbas da edil como os signos do presidente de Asorlu.
Brais Vila leu o manifesto deste ano no que Asorlu, xunto coa Federación de asociacións de persoas xordas, piden que a Linguaxe de Signos se convirta nunha asignatura curricular obrigatoria, petición á que se uniu a edil. Asemade, o presidente da Asociación quixo destacar a importancia que esta ensinanza podería ter de cara á igualdade e a inclusión.
Vila explicou as actividades que van ter lugar mañá e convidou á cidadanía a asistir a elas, para aprender máis sobre este tipo de diversidade funcional.
Actividades
Dende as 17:00 ás 20:00 horas na Praza Maior haberá distintas actividades lúdicas en lingua de signos e darase información á cidadanía por parte de ASORLU e a Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).
Posteriormente, ás 21:30 horas, con saída dende diante da Casa do Concello, realizarase un percorrido polas diferentes institucións, finalizando o mesmo na zona da Mosqueira, onde se visualizará a iluminación da Muralla en cor azul turquesa, que representa esa efeméride.