Mañá xoves, 14 de abril, 130 usuarios, monitores e directivos de Aspnais visitarán a Deputación Provincial de Lugo ás dez e media da mañá. Serán recibidos diante do edificio provincial polo Presidente da Institución, Darío Campos, para efectuar unha foto con todos os visitantes. A continuación, xa no salón de actos da Deputación, o Presidente dará a benvida ao colectivo de Aspnais, sendo respondido polo Presidente, José Reigosa, que agradecerá a acollida no edificio provincial, e entregará ao titular da Corporación provincial a medalla conmemorativa do 50º aniversario de Aspnais. De seguido, medio cento de usuarios dos talleres de Aspnais relacionados coa creación artística visitarán o Museo Provincial de Lugo, onde efectuarán un percorrido polas salas máis destacadas desta instalación cultural.
Aspnais, que continúa coa celebración do seu 50º aniversario, está recibindo nas súas instalacións visitas de grupos de alumnos de colexios da capital lucense, que acoden aos talleres da institución para coñecer o traballo dos usuarios nos diversos campos de actividade, entre os que destacan as actividades de carpintería, alfombras, cerámica, actividades artísticas ou confección de fregonas. Na mañá de hoxe, mércores, acudiron 33 alumnos de sexto curso do Colexio de Casás, acompañados dos seus profesores. Desde as 10,30 da mañá visitaron en primeiro lugar os talleres sitos nas Arieiras, e a continuación os da Rampa de Claudio López, Centro de Día e Residencia. O próximo día 18, ás 17,00, visitarán o centro das Arieiras un grupo de 50 alumnos do colexio Salesianos. E o 20, un novo grupo do Colexio de Casás. EXPOSICION DE CRUZ LAGO Grupos dos colexios lucenses visitan tamén a exposición VIAXE AOS SOÑOS POLARES, do artista lucense Cruz Lago, unha mostra aberta na capela do antigo Hospital de Santa María, na que o autor -familiar de usuario e Directivo de Aspnais- fai un percorrido polo mundo da discapacidade intelectual, froito das súas experiencias familiares.