Ata sempre, Arcadio Silvosa

El País titulou: “Muere Arcadio Silvosa, leyenda del periodismo en Lugo”. E un queda pensando que é verdade, que para o xornal do que foi correspondente, para os lectores dos xornais, para os oíntes da radio, para os televidentes… Arcadio Silvosa foi unha clamorosa realidade, historia recente, intelixencia activa, e agora que fisicamente se nos foi, entra na lenda.

Pero para os que o coñecemos de preto, os que o vimos escribir e soñar, aprender e ensinar, medrar e facerse grande da comunicación, era o compañeiro perfecto, ledo e risoño, socarrón e intelixente, de mirada que o dicía todo, porque expresaba a inmensidade do que lle cabía no corazón.

Era o máis novo dos que pisábamos o peque

no fogar do Ideal Gallego no Campo Castelo no final dos setenta; viña de Castro de Rei á capital da provincia, e conquistou a todos os que tiñamos algunha relación cos medios coa súa inocencia, naturalidade, sinceridade, alma grande… Era unha boa persoa e un gran profesional. Era un sorriso, ollada limpa, palabra de paz, seriedade garantida, e un humor intelixente, contaxioso, chispeante, socarrón…

Foi un elemento imprescindible naquela aventura que se chamou Televisión Lugo. Fíxose admirar por todos; foi amigo de todos, gastou bromas e recibiu bromas, quedando marcado na nosa memoria para sempre o día, luns de antroido, no que para o seu programa a maquilladora lle pintou dous coloretes bermellos que el non veu ata o remate, sendo o primeiro dos que riu pola situación. Por iso cando se meteu en política escribín que a Arcadio, para sacarlle as cores, había que pintarllos primeiro. Arcadio era un gran tipo. Sen dobreces. E agora entra na lenda.

Desfrutaba co traballo de informador, o deporte era a súa vida, escribir ou falar de deportes e de deportistas acreditaba vocación, coñecementos, relación, vivencia… E a incursión na política deulle más amigos, un novo campo de acción, un ámbito diferente – difícil; non para el – no que tanta falta fan Arcadios para humanizar as relacións.

Chamábame Polifemo, coma o xigante dun só ollo na fronte, coa naturalidade que merecen as verdades meridianas. Ninguén máis mo ten chamado, e ríase coma un tolo cada vez que o comentabamos, e eu alegaba que teño unha vista que “non a merezo, pero é unha graza de Deus”.

Estou certo que a Arcadio, xa lenda á vez que historia certa, en lugar destacado do ceo dos galegos ao que acceden os bos e xenerosos, halle gustar que lembre aquí o agarimoso apelativo que tivo a ben asignarme. Descansa en paz, compañeiro amigo. E a ver se nos vemos algún día.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com