Posibles restos humanos prehistóricos apareceron onte na escavación dos Conventos, na Ribeira Sacra. O achado aconteceu cara ao final da campaña de escavación en Vilachá de Salvadur, na Pobra de Brollón, onde un equipo de arqueólogos buscaba un primitivo mosteiro medieval. De confirmarse con Carbono 14 a datación dos ósos atopados, estarían entre os restos humanos máis antigos atopados en Galicia.
O obxectivo inicial dos investigadores era comprobar se hai evidencias arqueolóxicas dun mosteiro medieval perdido, e obter máis información sobre as orixes e evolución da Ribeira Sacra. Un equipo dirixido polo arqueólogo Xurxo Ayán e coa participación do Incipit-CSIC vén de rematar unha escavación para investigar o lugar chamado Os Conventos, no Val do Frade, Vilachá.
Cara ao final da campaña, agardáballes unha sorpresa: un cranio, unha vértebra e dous fémures que pola súa colocación e contexto arqueolóxico semellan estar soterrados nunha cista prehistórica. O achado é de gran importancia pola case nula existencia de restos óseos humanos prehistóricos en Galicia. Os restos xa están camiño ao laboratorio BETA para a súa datación con Carbono 14. Ademais do C14 aplicaranse outro tipo de probas que poderán dar información sobre a dieta ou incluso ADN.
A escavación en Os Conventos enmárcase na iniciativa Adegas da Memoria, un proxecto etnoarqueolóxico que busca dinamizar a parroquia de Vilachá de Salvadur, promovido pola Asociación veciñal de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón, coa colaboración do Incipit-CSIC.
A escavación tiña por obxectivo a procura do mosteiro de San Martiño de Piñeira, un mosteiro medieval desaparecido do que existe documentación e que a tradición oral dos veciños de Vilachá situaba nese lugar de Os Conventos, entre os viñedos da Ribeira Sacra.
Durante a escavación puidose constatar unha ocupación medieval do lugar con mostras de cerámica dos séculos XII ou XIII e unha moeda do reinado de Alfonso X. Por debaixo deses niveis medievais, escavado directamente na rocha apareceu o oco cos restos humanos; un depósito funerario que indica un tratamento ritual posterior do cadáver.
“Con este novo achado, superamos con creces o obxectivo principal de Adegas da Memoria, que é facer o primeiro gran estudo sobre as orixes e evolución da paisaxe da Ribeira Sacra por man das persoas”, declara o investigador da Universidade Nova de Lisboa e director da intervención, Xurxo Ayán.