As forzas da orde investigan a aparición dos corpos sen vida de dous nonaxenarios nunha vivenda de Rábade. Os cadáveres da parella foron atopados por unha dotación dos Bombeiros no interior da súa casa, situada na rúa Alcalde Ángel Penas.
Responsables do Concello de Rábade alertaron da situación ao 112 Galicia ás 14:15 horas desta tarde. Segundo detallaron, un irmán do varón falecido púxose en contacto cos servizos sociais municipais para indicar que non sabía nada dos seus familiares dende había días. Engadiu que cría que lles puidera ter ocorrido algo, xa que non respondían ás súas chamadas telefónicas dende o pasado luns.
Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 estableceu comunicación cos Bombeiros de Vilalba, con Urxencias Médicas e coa Garda Civil. Tras acceder ao inmoble, os Bombeiros encontraron os corpos das dúas persoas ás 15:00 horas desta tarde tendidos no corredor da vivenda. Segundo se indicou ao 112, os corpos non presentaban signos de violencia. Todo apunta a que as vítimas puideron resultar intoxicadas por un escape de gas. Con todo, as medicións realizadas hoxe deron resultado negativo.