O Concello de Lugo vén de informar que, durante a mañá de hoxe, no desenvolvemento das obras de peonalización da céntrica rúa Quiroga Ballesteros, os traballadores atoparon restos arqueolóxicos. As excavacións revelaron a presenza dun muro do que sería unha Domus Romana que está ubicada -previsiblemente- na súa maior parte baixo o centro social Uxío Novoneyra.
O descubrimento consiste nos restos do sistema de calefacción hipocausto da Domus. Hoxe, recolléronse ademáis, restos de cerámica que foran danados coa instalación das canalizacións antigas e que se mantiñan tiradas a carón do muro atopado. Estas pezas serán trasladadas ao Museo Provincial.
Dende o Concello informan que a Domus xa estaba documentada, polo que prevían o seu descubrimento. Así aseguran que os traballos continuarán ao mesmo ritmo no que xa se traballaba. Segundo indica o persoal de Arqueoloxía municipal, a peza atopada “non conta co suficiente valor como para ser musealizada por si soa” polo que, a peza protexerase cunha lámina xeotéxtil e cubrirase con area para a súa protección.
De cara ao futuro poderase realizar unha excavación importante nesta zona, que incluirá a gran parte da Domus que está oculta baixo dos soportais do Uxío Novoneyra e do Mercado Municipal, o que permitirá descubrir un importante resto arqueolóxico de gran valor patrimonial.