Cando era moi novo, na aldea, falábase da “hora vella” e da “hora nova”, para diferenciar a que hoxe teñen en Portugal, a nosa tradicional, da que o réxime elixiu para España nas horas altas do poderío alemán. Do mesmo xeito, cando nunha familia pai e fillo levaban o mesmo nome, falábase do novo ou do vello para diferencialos.
Aquí temos un auditorio vello que vai cumprir corenta anos, dos tempos municipais de Vicente Quiroga, e o novo de paternidade descoñecida por variopinta ou coral. E cando a preocupación deber ser enchelo de programación e de xente, preocupa bautizalo para que o nome sexa detectado por Google.
Hai nomes para todos os gustos, pero parece que o de “Fuxan os ventos” pode ter a fortuna de ser elixido. Xa dixen nestas páxinas que para min, e para moita xente, ese nome é sinónimo do de Xesús Mato, a súa primeira alma.
O debate parece forzado, tendo en conta que Cultura do concello se pronunciou por el hai tempo pero a alcaldía veu dicir que habería que falalo. Esto de agora parece querer solucionar o tema sen que as autoridade teñan que mollarse.
Eu non vou opinarei porque non sei cal Fuxan se quere premiar: se o primeiro que se chamaba “Folk 72”, foi cantar a Mondoñedo e entrou na historia; o que desde aquela ata 1983 se consagrou como gran grupo galego para o mundo, revitalizando o folclore e conquistando as nosas devocións, ou o que desde entón leva o nome pero pouco ten que cos dous anteriores. Como os tres grupos son debedores de Mato, se bautizan así o Auditorio, para min o nome sempre será unha homenaxe a Xesús. Senón, sempre poido chamarlle Auditorio Novo. E que funcione!