A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participou hoxe na xornada Proyectos Europeos. Cierre del período actual y principales novedades en el nuevo período de programación 2014-2020, organizada por Eixo Atlántico e Deputación de Lugo, e na que tomaron parte interventores das entidades locais integradas neste organismo sen ánimo de lucro.
López Izquierdo destacou o feito de que “unhas instalacións como Augas Mestas volvan estar a disposición da cidadanía, das que xa poderán gozar este mesmo verán”, logo de estar abandonadas máis de 10 anos, e ofrecen innumerables posibilidades, non só dende o punto de vista turístico senón como escenario para a celebración de eventos como a xornada do Eixo, “moi pertinente, posto que a súa posta en valor foi posible grazas a fondos eurepeos”.
Pola súa banda, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Juan Vázquez Mao, fixo fincapé no potencial de Augas Mestas para dinamizar a actividade económica da provincia, de cara a ofrecer un turismo de natureza; o de rutas fluviais ou mesmo integrarse no turismo xacobeo como parte do Camiño de Inverno. Así mesmo, avanzou a intención do Eixo Atlántico de celebrar máis eventos en Augas Mestas no futuro.
O encontro celebrado hoxe contou coa partipación dunha vintena de representantes de entidades locais integradas no Eixo Atlántico, encargados de xestionar fondos procedentes de axudas europeas, en particular do Fondo de Desenvolvemento Rexional. Pere Lluís Fos Sebastian, especialista en auditorías de Fondos Europeos que desempeña labores de auditor do Eixo Atlántico dende o ano 2006, foi o encargado de abordar cuestións coma os resultados acadados polas entidades locais grazas aos fondos FEDER concedidos por Europa no período 2007- 20103, así como cales foron as deficiencias detectadas nos controis.
A Deputación vén de aprobar a concesión, por 25 anos, do complexo de Augas Mestas, dando así uso público a un elemento do patrimonio provincial logo de máis de 10 sen actividade. O organismo provincial continúa executando obras de reforma en Augas Mestas, financiadas con fondos europeos, para adaptalo á normativa vixente en canto á accesibilidade e prevención de incendios, e dotalo de maior seguridade.
As instalacións estarán completamente listas para o seu uso a finais deste mes. As actuacións estanse levando a cabo no conxunto de edificacións que conforman Augas Mestas: un edificio principal no que se atopan os servizos de cafetería e vestiarios; dúas piscinas; zona de acampada con recepción, parcelas para tendas de campaña e bugalows, xunto con outras tres edificacións da zona de aloxamento para o inverno, as cales ocupan unha superficie de case 10 hectáreas en total.