O lixeiro aumento de casos e contaxios da Covid 19 na provincia volve aparecer, como é habitual, a finais de semana. Así, e malia ás boas cifras da xornada anterior, no último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, revélase un novo aumento do número de casos activos. En total son 148 as persoas que contan cunha infección activa detectada por proba diagnóstica na provincia, seis máis que no día de onte.
Este aumento débese á suba no número de positivos detectados que tende a darse hacia finais de semana. Así, nas últimas 24 horas o SERGAS detectou 8 positivos novos, tres máis que onte pero os mesmos que o mércores. Doutra banda, baixan as altas médicas, o que tamén inflúe no aumento de casos. Así nas últimas horas tan só houbo 5 altas, fronte as 9 de onte ou as 14 do pasado venres.
Polo demáis continúa estable a presión asistencial con 8 persoas ingresadas por coronavirus; 5 en planta e 3 en UCI, todas elas no HULA.
Asemade, na xornada de hoxe temos que resaltar dous gromos dos que se está facendo seguimento dende Sanidade. O primeiro deles, o máis grande e que está sen controlar, estase a dar na Pobra do Brollón, que lembramos continúa en nivel alto de restricións. O gromo pobrense aínda continúa a sumar contactos e é que se deu cando unha familia do municipio desprazouse ata Vigo para coñecer a un bebe que acababa de nacer sen saber que tanto os pais como o neno vigueses estaban contaxiados. Aos poucos días a familia da Pobra participou nunha comida na que se contaxiaron outros asistentes que, a súa vez, e sen saber que eran portadores do virus participaron nunha xuntanza de cazadores.
Doutra banda, un segundo gromo, estase a dar no Concello de Lugo, logo de detectar 3 persoas infectadas de covid que viaxaran nun autobús da liña Madrid A Coruña; polo momento este gromo é pequeno pero preocupa debido á dificultade que están a ter para localizar contactos dado que algúns usuarios do transporte non deron os seu teléfono real cando fixeron a compra do billete.