Aumentan os casos activos de covid na provincia logo de encadear 7 días consecutivos de descenso

Malia que non é a suba máis significativa, o certo é que é suba. Os casos activos de covid chegan hoxe, de novo, aos 179, logo de sete días consecutivos en descenso. O mantemento en niveis baixos dos contaxios diarios sumado ás numerosas altas médicas que ían recibindo os pacientes con infección activa, fixo da pasada semana unha semana de baixada imparable do virus. 

Con todo, malia que tan só se trata de catro casos, o certo é que hoxe esa tendencia dá a volta e as infeccións soben lixeiramente, ao descender as altas e manterse os contaxios eso si, en cifras máis baixas que a pasada semana. 

Así, segundo o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, os casos activos sitúanse nos 179, fronte os 175 do domingo ou os 177 do sábado. 

Pola contra, as altas médicas chegan ás 12.247, 3 na última xornada, logo de sumar 50 en toda a ponte festiva, 25 delas tan só o venres. A este freo significativo hai que sumarlle tamén os 6 positivos detectados onte, que, malia que descenden pois a pasada semana rondaban sempre a decena, non son suficientes para frear o lento avance do virus.

En canto á presión asistencial, hoxe experimenta un leve descenso. Mentres que a UCI do HULA mantívose toda a ponte con 2 pacientes covid, en plantas convencionais foron variando os ingresos entre hospitais: Así, na última xornada, o SERGAS cifraba en 7 as persoas que permanecían en plantas de hospitalización, 3 no HULA, 2 na Mariña e outras 2 no Hospital de Monforte. 

E todo isto chega no día no que Sanidade considera posible relaxar o uso da máscara nalgunhas zonas de Galicia. De feito, o presidente da Xunta,  Alberto Núñez Feijóo, xa adiantou a pasada semana que, no mes de xullo, podería deixar de ser obrigatorio o uso da máscara en espazos públicos abertos, algo que tamén está estudando o Goberno do Estado. 

E, doutra banda, este será o verán non só do alivio do uso da máscara senón tamén da vacinación. Os datos de Galicia son bos e, seguindo o mesmo ritmo de inoculación, no mes de xuño quedarían vacinados todos os lucenses maiores de 40 anos e poderían comezar tamén coa franxa da trintena. O certo é que son previsións que fai o executivo contando coa suba de doses prometidas por Pfizer para a súa chegada en xuño. Haberá que ver se se cumpren estas previsións e, se o Goberno galego, consegue acelerar o, xa de por si bo, ritmo de vacinación. Os que si estarán vacinados no veran serán os mariñeiros de altura e gran altura que arrancaron a súa inmunización o pasado venres en Celeiro e Burela coas doses de Janssen; xusto antes de saír de novo ao mar. 

Agora o Executivo de Feijóo vén de decidir que o resto de mariñeiros serán vacinados coas doses de Moderna no Hospital máis cercano ao porto no que atraquen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com