Remata a estabilidade epidemiolóxica en Lugo logo de encadear cinco xornadas á alza. Así o reflicte o último informe do SERGAS con datos recabados ata ás 6 da tarde de onte que confirma esa suba de casos diarios.
Así, na xornada de onte o SERGAS cifraba en 253 as infeccións activas, moi por riba dos 233 que se informaban o venres. E é que, durante a fin de semana, Lugo viu moi aumentada a súa incidencia, ao seguir aparecendo casos nos diferentes gromos activos na provincia.
En total, dende o venres, os sanitarios detectaron 46 positivos novos, 16 só na xornada de onte. Unha cifra que se reflicte tamén na presión asistencial que hoxe chega ata os 12 ingresados en unidades convencionais e os 3 na UCI do Hula. Así, por hospitais, cada un dos tres hospitais públicos da provincia sumaba 4 pacientes covid.
E todo isto nunha fin de semana na que o SERGAS anunciou un novo falecemento, o dun home de 83 anos que finaba no Hospital de Monforte.
Vacinación
No tocante á vacinación, o SERGAS espera rematar esta semana coa inoculación da primeira dose ao colectivo de entre 50 e 59 anos, e acabar a pauta daqueles, menores de 60 anos de colectivos esenciais que foran vacinados coa primeira dose de AstraZeneca. Así, durante a fin de semana máis dun milleiro de persoas deste colectivo completou xa a súa pauta. Todos eles esixiron a segunda dose da mesma marca, en contra da recomendación do Goberno central que invita á cidadanía a elixir o fármaco de Pfizer.
Con isto, preto de 670 mil galegos contarán xa coa pauta de vacinación completada, o que supón o 28.3% da poboación galega. Asemade, máis de 1,2 millóns de galegos xa teñen a lo menos unha dose dalgunha das vacinas contra a covid 19. Así o 85,85 % das persoas susceptibles de vacinarse, maiores de 50 anos de idade, foron xa citadas polo SERGAS para recibir a súa dose.