Dende que o pasado mes de xullo o Concello de Vilalba aprobara a supresión de taxas e tributos sobre construcións, instalacións, obras e licenzas de primeira ocupación, xa se recibiron máis de 60 solicitudes para realizar algún tipo de intervención. Segundo informou o edil de Economía e Facenda, Luis Fernández, “a medida tivo unha magnífica acollida entre a veciñanza, que está a solicitar máis obras ca nunca”. En concreto, foron 60 obras menores as solicitadas polos vilalbeses e vilalbesas, o que supuxo un aforro medio por veciño de 250 euros en tributos.
En obras maiores, foron 4 as solicitudes recibidas polo consistorio, que tan só aboaron un 1%, en vez do 2% que estaba establecido antes da modificación desta ordenanza municipal. Isto traducese nun aforro duns 3.000 euros polas licencias e uns 150 euros en tasas. “En total, os veciños e veciñas de Vilalba aforraron uns 18.000 euros”, apuntou o concelleiro. “A medida está a supoñer unha importante reactivación para decenas de empresas elacionadas coa construción”.
Cabe lembrar que esta modificación da ordenanza fiscal foi apoiada pola Asociación de Empresarios da Construción da provincia de Lugo, que calificou a medida “coma un exemplo de como facer política fiscal para aplicar ao sector” Desde o Concello de Vilalba xa anunciaron que a medida seguirá en vigor o que resta de 2020 e durante todo o ano 2021, “aínda que poderemos ampliar ou estudar outras medidas sempre para reducir o impacto económico desta crise sobre os nosos veciños”, explicou o edil de Economía.