A Consellería de Emprego e Igualdade achegou o pasado ano 3,4 millóns de euros aos traballadores autónomos lucenses a través de diversos programas de apoios destinados a este colectivo. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que, tanto mediante estas axudas ordinarias como a través dos Plans de rescate, o Goberno galego “realiza un importante esforzo para apoiar a un colectivo fundamental para a economía da nosa provincia, onde un de cada tres traballadores é autónomo”. Así, no 2020 concedéronse 1.112 axudas, que favoreceron a incorporación ao réxime de autónomos de 464 persoas desempregadas e incrementaron a competitividade de empresas xa establecidas.
O delegado visitou hoxe en Lugo a empresa de servizos La Ferretería, que foi beneficiaria do Bono autónomo, o programa que sumou maior número de apoios na provincia: 631 expedientes que alcanzan unha contía global de 1.557.000 euros. Esta media financia estratexias de negocio e marketing así como compra de equipamento, equipos informáticos, reformas e mobiliario, entre outros elementos.
Porén, o maior volume de investimento concéntrase no programa de promoción do emprego autónomo; a Consellería apoiou con 1.750.000 euros a incorporación como traballadores autónomos de 464 persoas desempregadas. Trátase de axudas directas, dun mínimo de 2.000 euros e un máximo de 9.000 euros, para as persoas que causaron alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020.
Ademais de fomentar o emprendemento, a Xunta tamén axuda a consolidar e impulsar o crecemento destas empresas con apoios á contratación de traballadores. Acolléronse a estas achegas 17 empresarios lucenses, que recibiron en total 113.400 euros.
Na cidade de Lugo déronse de alta 161 novos autónomos, que suman apoios por importe de 538.500 euros; concedéronse 162 bonos por importe global 381.600 euros, e catro empresarios recibiron axudas á contratación por 20.600 euros en total. No conxunto da comarca de Lugo alcanzáronse entre as tres liñas as 379 axudas e 1.115.600 euros de investimento.