O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou dos avances realizados pola concellería de Infraestruturas de cara á construción da rotonda en San Eufrasio. “Mañá a Xunta de Goberno aprobará a contratación da actuación coa que melloraremos o funcionamento deste cruce, aumentando a seguridade vial, o que eliminará un punto negro da cidade”, explicou Rubén Arroxo
O foi licitado por 107.871,50€, á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SL, que terá un prazo de 6 meses para realizar a intervención.
Os estudos realizados durante a redacción do proxecto de obra comparan a situación actual e a alternativa da rotonda, medindo tempos de viaxe, tempos de demora, cola media de vehículos, número de paradas e tempo total de cada parada, tendo en conta os momentos de maior fluidez de tráfico. Nas conclusións calcúlase que a lonxitude da cola media de vehículos e os tempos de parada teñen unha diminución case total, o que produce un aforro significativo nos tempos de viaxe e demora, e no número de paradas dos vehículos.
A rotonda eliminará os distintos xiros á esquerda que se teñen que realizar actualmente, e aumentará a distancia de visibilidade, que actualmente é inferior á distancia de cruce, o que en conxunto mellorará a seguridade viaria da contorna.
“Desde a chegada do BNG ao goberno municipal fixemos da actuación en San Eufrasio un dos eixos de traballo da área de Mobilidade e Infraestruturas”, explicou Rubén Arroxo. No ano 2019, o persoal técnico municipal e o persoal da Xunta de Galiza mantiveron xuntanzas para avanzar neste proxecto. No mes de outubro do 2019, o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, comezou o proceso de xeito institucional, enviando un primeiro escrito á Xunta de Galiza. Unha vez recibida a resposta, e con toda a documentación preparada, a Xunta de Goberno Local solicitou formalmente a cesión do vial, e unha vez notificada a cesión, iniciouse o procedemento de contratación da actuación, “durante todo o proceso tratamos de acurtar os prazos o máximo posíbel, seguindo dentro dos prazos marcados pola legalidade vixente, dado que entendemos que esta actuación é moi necesaria para a mellora da seguridade viaria na zona”, declarou Rubén Arroxo.