A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, supervisaron este luns as obras de conservación da estrada que transcorre dende a Ponte Romana á Igrexa de San Lázaro, unha das necesidades que lles trasladou o presidente do Club Fluvial, Tito Valledor, quen tamén asistiu a visita, tanto á rexedora como ao presidente, durante unha xuntanza no pasado mes de decembro.
Trátase dunhas tarefas que acomete o organismo provincial, que consisten na mellora da capa de rodaxe e acondicionamento deste tramo, duns 700 metros, da LU-P- 29811, que comunica a Nacional VI con Orbazai. Este tramo de estrada permanecerá cortado ao tráfico ata o vindeiro xoves, durante o tempo ano que se levará a cabo un afirmado con aglomerado en quente para mellorar a capa de rodaxe, dado o mal estado da estrada, que se atopaba moi deformada, acumulándose auga na calzada.
Durante a visita de supervisión, a rexedora puxo en valor esta obra “de peso importante para a cidade, por tratarse dunha actuación nun barrio senlleiro, de gran capacidade de dinamización turística e que acolle un elemento tan significativo no Concello como a Ponte Romana”. Nesta liña, a rexedora subliñou que se trata dunhas actuacións de mellora coas que se garante un servizo publico, tanto para os máis de 15.000 socios do Club Fluvial, un espazo de referencia lúdico e deportivo da cidade, como para os veciños e veciñas da zona.
Pola súa banda, Darío Campos, explicou que se trata dunhas obras dotadas de 55.000 euros, pero que isto soamente é unha inversión inicial, xa que posteriormente se realizará a recrecida dos pozos, elevándose o trazado uns 5 centímetros, así como de labores de sinalización horizontal.