O Concello de Lugo informou do avance dos traballos que se están a levar na rúa D do polígono das Gándaras, destinados a aumentar a seguridade viaria e a maniobrabilidade na zona. O Tenente de Alcalde anunciou que “hoxe comezou o asfaltado do novo vial e en poucas semanas poderemos desfrutar desta actuación totalmente rematada”.
Os traballos consistiron en reducir o tamaño da mediana desta rúa D, pasando dos 11 metros actuais a 5. Con isto permitiuse habilitar un novo carril de circulación de 3 metros de ancho en cada un dos sentidos. O Goberno Local explicou que “isto permitirá, unha vez o novo carril entre en funcionamento, mellor a fluidez do tráfico e máis maniobrabilidade dos vehículos industriais, o que en conxunto producirá un aumento da seguridade vial na contorna”.
“Trátase dunha mellora importante para o polígono das gándaras, que a curto prazo atenderá unha maior demanda das empresas que xa están asentadas e que ata agora tiñan problemas ao acceder ou saír das naves debido á lonxitude dos camións e ao espazo da vía”, afirmaron dende o Goberno Local. Segundo o Tenente Alcalde “a apertura da segunda fase do polígono fará que esta vía pase a acoller unha maior cantidade de tráfico, e desde a área de Mobilidade adiantámonos a esta situación habilitando unha vía de tamaño suficiente que garanta que a circulación sexa fluída”.