Axudar aos vivos

En Miño, onde veraneo, a Praia Grande loce, xunto coa bandeira azul, unha enseña verde pola que ninguén se preocupa xa que sabemos que naquela praia non hai problemas. Se a bandeira é amarela, só nos torna da praia se a temperatura baixou abondo. Se bermella, que non lembro se se ten posto algunha vez, só despertaría a nosa curiosidade. As cores non doen, e non as interpretamos coa debida firmeza.

En canto á meteoroloxía, estamos tan afeitos a danas, temporais, gotas frías e frontes de choiva que só nos preocupan á hora de programar viaxes, ou se hai que levar paraugas ao saír á rúa. E como case sempre despois de previsións preocupantes resulta que non é para tanto, parécenos que os meteorólogos son algo esaxerados. Coido que se en Galicia houbera un aviso bermello, só lle faría caso unha porcentaxe non moi grande dos que se desen por informados.

Cando en 2021 nunhas enchentes en catro paises europeos houbo douscentos trinta mortos, amilagrámonos todos porque na Europa moderna e preparada se puidese ocasionar unha catástrofe de tal calibre, atribuíndoo á excesiva confianza, falta de preparación, imprudencias ou desorganización. E de súpeto, o mesmo ocorre á nosa beira, onde ou se avisou tarde ou o aviso non se atendeu; ou se conformou a tormenta perfecta, orixinando a catástrofe máis terrible da que temos memoria.

O cambio climático, construcións onde nunca deberon facerse, prevencións imposibles e todos os imponderables conxugados sumíronnos na incredulidade e no horror. Toca chorar aos mortos, axudar aos vivos, e loitar por impedir que volva ocorrer algo así.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com