Quen estea pensando en mercar unha vivenda nos centros históricos dos seguintes concellos: Castro de Rei, Chantada, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro; poden recibir unha axuda para a adquisición das mesmas de ata 12.800 euros, se son menores de 35 anos a partir desa idade a cifra baixa a 10.800 euos, poren se a compra se fai no concello de Mondoñedo, dita axuda, pode chegar aos 15.000 euros, segundo lembrou o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante a visita ao barrio lucense da Tinería.
Isto prodúcese por mor de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de convocar axudas para a compra de vivenda en cascos históricos, co fin de facilitar o asentamento de poboación e contribuír á recuperación social destes barrios.
Esta é a terceira convocatoria deste programa, e conta cun orzamento de 600.000 euros, case seis veces máis que a dotación do ano pasado. As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 1 de setembro.
Novidades da terceira convocatoria
Unha das principais novidades desta convocatoria é que se elimina o requisito de ser menor de 35 anos para poder optar ás axudas, de tal xeito que se estende a consideración de potencial beneficiario ao conxunto dos galegos. Tamén o incremento previsto no suposto de que a vivenda estea situada nun ámbito declarado Área Rexurbe -figura recollida na Lei de rehabilitación- independentemente da idade do beneficiario.
Outra gran novidade da orde de axudas deste ano refírese aos requisitos económicos de acceso, medida coa que se busca tamén ampliar o abano de potenciais beneficiarios. Neste sentido, o límite de ingresos dos solicitantes elévase ata 6,5 veces o IPREM (48.877,33 euros), o que correspondería a case o 90% dos fogares galegos, co fin de adecuarse aos prezos actuais do mercado inmobiliario e máis concretamente, á realidade do custo da vivenda nos centros históricos.
Estas axudas enmárcanse no chamado Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, unha folla de ruta consensuada previamente cos principais colectivos profesionais implicados no sector e coas asociacións de consumidores co obxectivo de chegar neste período a unhas 70.000 familias galegas.