Logo de semanas de descenso, nos últimos días xa vimos vendo como as cifras de infeccións activas de Covid volven a elevarse. Hoxe rexístranse os mesmos casos activos que hai exactamente un mes. O 8 de decembro Sanidade advertía un descenso de casos, pero que rondaban os 624. Tan só dous menos que hoxe. A curva descendeu ata rondar os 300 casos activos pero, logo de varios días con suba de contaxios hoxe volve situarse en 626.
Con todo, e malia as malas novas, descende significativamente o número de novos casos detectados. Nas últimas 24 horas foron 34 persoas as que deron positivo nalgunha das probas diagnosticas realizadas, 29 menos que na xornada anterior.
Tamén son positivos os datos da presión asistencial que hoxe descenden ata os 17 ingresados en planta, dous menos que no día de onte. O Hospital da Mariña conta con 10 pacientes ingresados en planta de hospitalización, o HULA con 5 e o Hospital de Monforte tan só ten dous casos Covid. Esta situación de mantemento en niveis baixos é unha moi boa sinal do control do virus. Asemade, as UCIS permanecen baleiras de pacientes Covid.
Nas últimas horas, asemade, non hai que lamentar ningún falecemento causado polo virus; e si hai que celebrar as 35 altas que sitúan xa a cifra de pacientes curados en 6728.