Baixada de casos activos pero suba da presión asistencial. Así se presenta a provincia de Lugo este luns tras unha fin de semana de aparente estabilidade na mioría dos baremos relativos á Covid 19.
Así, no informe emitido esta mañá polo SERGAS con datos recompilados ata as 6 da tarde de onte, rexístrase unha baixada de 2 casos activos con respecto á xornada anterior pero de 6 se comparamos cos datos ofrecidos o venres. E é que durante a fin de semana tanto as altas médicas como os novos contaxios mantivéronse en cifras moi semellantes, sendo o número de altas algo superior ao de contaxios, de aí a baixada de casos. Nas últimas horas por 12 altas médicas se rexistraron 8 contaxios, e nos totais da fin de semana, dende o venres sumáronse 44 altas e detectáronse 31 positivos novos.
Con todo, estas cifras non son significativas debido a que como dixemos ao principio, os datos dos que estamos informando foron tomados ata as 6 da tarde de onte e, durante as fins de semana, tenden a facerse menos probas diagnósticas. Haberá que ver como van evolucionando os datos segundo avanza a semana.
No tocante á presión asistencial, si houbo cambios significativos durante a fin de semana. Malia unha lixeira baixada rexistrada o venres nun paciente que se recuperou en planta de hospitalización, o certo é que o sábado aumentaron 2 casos en planta e hoxe outros dous. En total, esta mañá 11 persoas amencían nas plantas de hospitalización da provincia, 5 no HULA, e 3 en cada un dos Hospitais comarcais. Asemade, outros 4 pacientes covid loitan contra o virus dende a UCI do Hula.
E todo isto nunha xornada na que volven cambiar as resticións nalgúns concellos. No mediodía do venres, o Comité Clínico que asesora á Xunta analizou de novo os datos que presentaba cada municipio e o Goberno Galego decidiu, en base a iso, elevar o nivel de limitacións en Meira, que hoxe amencía xa en nivel alto; e en Chantada que sobe ata o medio. Tamén no medio permanecen, xa dende a pasada semana Barreiros e Trabada. Polo momento, o resto de Concellos da provincia se atopan no nivel máis baixo de restricións que permite a Xunta de Galicia, á espera de ver como segue evolucionando esta cuarta vaga do virus.