O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a modificación do mapa sanitario busca consolidar o actual modelo de xestión integrada provincial e, polo tanto, garante que os hospitais de Lemos e da Mariña “teñan máis servizos e máis próximos aos cidadáns”.
“Queremos consolidar unha fórmula que funciona, que está pensada en favorecer ao paciente e que, por exemplo, permitiu dotar de oncoloxía aos hospitais de Burela e Monforte e atender a 5.000 pacientes de cancro ou prestar 22.000 tratamentos a pacientes destas comarcas que antes estaban obrigados a desprazarse ata Lugo ou ata a Coruña”-explicou .
O representante do Executivo galego na provincia insiste en que “lonxe do que se está a transmitir por algunhas plataformas e partidos políticos da oposición, o principal obxectivo da reforma sanitaria é que os hospitais do norte e do sur da provincia podan seguir gañando en servizos de proximidade e evitando derivacións”.
Balseiro tamén aclara que coa reforma da Lei de Saúde non desaparecerá as áreas sanitarias de Monforte ou da Mariña, se non que transforman cada unha delas en distrito sanitario, o que permite blindar por lei a permanencia e actividade dos respectivos hospitais. “A norma establece de xeito taxativo que non poderá existir un distrito sanitario se non ten un hospital próximo de referencia, neste caso os da Costa e o de Lemos”.
O delegado territorial insistiu tamén que lonxe da imaxe catastrofista que determinados sectores están intentando transmitir do funcionamento dos centros hospitalarios das comarcas sur e norte da provincia, “a percepción cidadá é distinta”, como poden comprobar todos os usuarios que maioritariamente teñen unha boa valoración do funcionamento da sanidade pública.