O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desmentiu as declaracións efectuadas pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nas que aseguraba que o Concello estaba pendente de recibir un informe da Xunta para levar adiante o derrubamento dos edificios do Garañón, tal e como esixen os tribunais de xustiza.
Balseiro lembra que a autorización da Consellería de Cultura para a demolición dos edificios do Garañón, previo informe dos servizos técnicos de Patrimonio, require o envío dun proxecto de demolición por parte do Concello de Lugo, o cal, a día de hoxe, non se remitiu e se descoñece, incluso, se está elaborado por parte da administración local.
“Que non poña á Xunta como escusa para xustificar os seus incumprimentos en relación coa demolición das torres do Garañón, porque non está a dicir a verdade. A única responsabilidade nesta demora está na actitude do Concello e a súa falta de vontade”, dixo Balseiro.