O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, afirmou na tarde de onte que o proxecto para o impulso do turismo cultural que promove a Consellería de Cultura e Turismo multiplicará o potencial turístico de Lugo, diversificando a oferta e axudando a prolongar a estadía dos visitantes, que se desprazarían entre distintos puntos da cidade.
Balseiro mantivo unha xuntanza con representantes de empresarios do polígono da Louzaneta e da Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (Aprevar), entre eles o seu presidente, Luís Abelleira. Tamén participou o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Ramón Carballo.
Na reunión, o delegado insistiu en que o parador no cuartel de San Fernando, formando parte dun museo da romanización en rede, é “a alternativa máis útil para que deixen de pechar negocios na capital, para xerar crecemento económico”.
Neste sentido, explicou que o plan contempla un espazo musealizado no propio cuartel e aproveitar o MIHL para o mesmo fin, así como a creación na Tinería -no Pazo de Dona Urraca- da primeira sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) fóra de Santiago de Compostela, e rehabilitar no mesmo barrio a Casa Torre para acoller a oficina de turismo da Xunta, a sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo e un centro vinculado ao turismo enogastronómico.
Ademais, engadiu, a Consellería de Cultura realiza unha oferta firme de 5 millóns de euros para asumir o 50% do investimento de rehabilitación do cuartel de San Fernando. “O parador non é a idea oposta ao museo, senón a idea complementaria para traer un novo foco de dinamización turística e cultural á cidade”, asegurou Balseiro.