O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu o acto de entrega de tres vivendas de promoción pública na cidade de Lugo aos seus novos adxudicatarios.
As vivendas entregáronse en réxime de alugueiro e, no caso particular, da situada na avenida da Coruña está especialmente acondicionada e adaptada para persoas con mobilidade reducida e, de feito, o seu adxudicatario emprega unha cadeira de rodas.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda segue impulsando distintas iniciativas encamiñadas a garantir o dereito de todos os cidadáns a unha vivenda, en especial para aquelas persoas con maior dificultade á hora de acceder a un fogar. Balseiro animou ás familias que poidan estar interesadas en beneficiarse deste tipo de apoios a inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, un procedemento gratuíto, áxil e transparente no que se garante a igualdade de posibilidades no acceso ás vivendas dos demandantes inscritos.