Balseiro lémbralle á alcaldesa que o pleno non é unánime co uso do Cuartel de San Fernando

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quixo saír ao paso das declaracións efectuadas onte pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, en relación co Cuartel de San Fernando, lembrándolle que no conxunto da Corporación Municipal –onde o PSOE goberna en minoría- “non existe unha posición unánime” sobre os futuros usos que lle queren dar a estas instalacións.

Balseiro asegurou que “sería bo abrir un tempo de reflexión sobre a necesidade de novos museos municipais”, tendo en conta que o Concello dispón dun centro coma o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), que custou case 10 millóns de euros e está “practicamente sen contido e rexistra poucas visitas” ao ano.

O delegado territorial cuestionou tamén “a escalada de declaracións” que fixo a alcaldesa nos últimos días, nas que “pon deberes a outras administracións en ámbitos de estrita competencia local”, como é o caso do saneamento ou do propio cuartel de San Fernando, que, segundo lembrou Balseiro, é un centro de titularidade cen por cen municipal.

Nesta liña, Balseiro dixo que “se o Concello pretende que outras administracións fagan o seu traballo, quizais os lucenses empecen a cuestionarse para que serve a súa alcaldesa”. O delegado engadiu que “a obsesión de Méndez por poñer deberes aos demáis ten por obxecto que non se note moito que eles, desde o Goberno local, non fan nada”.

Finalmente, o delegado territorial ofreceu un dato “moi revelador” para “comparar o compromiso da Xunta e do Concello con Lugo: só a Consellería de Cultura e Educación inviste máis nesta cidade que o orzamento anual do propio Concello. Nese sentido, Balseiro concretou que a Xunta asume o mantemento e persoal dos institutos, os colexios, as escolas de danza e de idiomas, o conservatorio, a biblioteca e o arquivo, ademais de colaborar co financiamento da universidade e dos fondos destinados ao mantemento e rehabilitación da propia muralla.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com