O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro con representantes da asociación de veciños, comerciantes e empresarios do barrio da Tinería co obxecto de presentarlles o proxecto integral para o impulso do turismo cultural na cidade de Lugo elaborado polo Goberno galego.
Balseiro defende que a creación dun parador de turismo e do museo de romanización non son propostas excluíntes e asegura que Lugo perdería unha oportunidade se renunciase a algunha delas. Nese senso insiste, para que non haxa ningún tipo de confusión, que “a Xunta defende para Lugo ambos servizos”.
“Por que renunciar ao Parador ou ao Museo da Romanización cando podemos ter as dúas cousas. A proposta da Xunta é moito máis ambiciosa e supón reorganizar todos os espazos culturais da cidade, para que funcionen en rede, atraian turismo e xeren actividade económica. E todos eles accesibles a menos de cinco minutos a pé”, cuestionou o Delegado.
Cómpre lembrar que a Xunta está disposta a financiar a metade do custe de rehabilitación do antigo cuartel de San Fernando para crear nel un Parador, cun área musealizada, que poría en valor os achados romanos que contén este inmoble.
O Goberno galego tamén quere crear o museo da romanización, mediante a xestión integrada (en rede) de varios centros, que terían a súa sede principal no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), unha infraestrutura municipal que pese a contar cun importante investimento para a súa construción e mantemento, apenas recibe visitantes.
Outra das iniciativas propostas pola Xunta e para as que achegará a financiación correspondente supón seguir ampliando o proceso de rehabilitación do barrio da Tinería, coa creación de novos espazos para atraer turismo a esta zona céntrica.
Nese senso o Goberno galego quere albergar no Pazo de Dona Urraca a primeira sede do Centro Galego de Arte Contemporánea fóra de Santiago. Deste xeito o inmoble rehabilitado podería acoller exposicións temporais de destacados autores actuais, tanto nacionais como internacionais e permitiría ademais a difusión de artistas locais
Finalmente, a Xunta rehabilitará a Casa-Torre da Tinería aglutinará a oficina de turismo da Xunta e dependencias da Aphel (asociación provincial de empresarios de hostalería e turismo) integrando nun mesmo edificio os distintos servizos para que os visitantes poidan acceder desde a propia muralla.