O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza coa concelleira do Grupo Municipal de Cidadáns en Lugo, Olga Louzao, na que lle trasladaron as propostas desta formación política sobre reordenación escolar na cidade.
Balseiro lembrou que o antigo Cuartel de San Fernando é un edificio de titularidade municipal e, polo tanto “sobre futuros usos dunhas instalacións que non son competencia nosa non podemos pronunciarnos”. Para Olga Louzao, sen embargo, “a Xunta de Galicia non debe escurrir o bulto tendo en conta que é quen ten as competencias en educación e que o actual colexio Quiroga Ballesteros non cumpre coas condicións mínimas para ser un colexio nin coa normativa en vigor en materia de accesibilidade”.
Pola súa banda, Olga Louzao agradeceu a “receptividade” de Balseiro e dixo que “isto que fixo o grupo de Cidadáns hoxe quen o tiña que facer era a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez”, á que acusou de “impedir coa súa negativa sen argumentos que o proxecto saia adiante e de bloquear que o casco histórico de Lugo poida contar cunha gardería e un colexio públicos en condicións”.
A voceira de Cidadáns esixiu tanto á Xunta de Galicia como ao Concello que “deixen de lado disputas partidistas e colaboren para que a cidade poida contar con estas dotacións dentro do casco histórico, imprescindibles para que o centro de Lugo volva gañar vida e poboación”, tendo en conta, afirmou Olga Louzao, “que tanto a escola infantil como a construción do colexio son competencia da Xunta de Galicia e os edificios, propiedade do Concello de Lugo”.