Balseiro subliña o esforzo de formación que realiza a consellería de Medio Rural para profesionalizar o sector primario

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, puxo de relevo o esforzo que realiza a Consellería do Medio Rural en materia de formación para avanzar na profesionalización do sector primario.

O delegado realizou estas declaracións durante a inauguración da xornada técnica sobre ‘Estratexias de control do mildio na vide’, a primeira que organiza este ano a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), centro dependente da Consellería do Medio Rural.

Na inauguración da xornada participaron tamén o director da EVEGA, Juan Casares; o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

O encontro, que tivo lugar no Centro Sociocultural de Sober, estaba orientado a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico de empresas vitivinícolas, de consellos reguladores, de oficinas comarcais agrarias, persoal investigador ou estudantes, con especial fincapé aos mozos e mozas de menos de 41 anos e aos viticultores e adegueiros en activo.

Ao respecto, Balseiro incidiu en que “un sector primario máis profesionalizado e dimensionado será máis competitivo, e para logralo é imprescindible a formación”. De aí, engadiu, que “a Consellería do Medio Rural dedique múltiples recursos e esforzos aos programas de formación, que favorecen a aprendizaxe permanente dos profesionais e mesmo a incorporación dos mozos e das mozas ao sector primario”.

Neste senso, afirmou que a Consellería dispón na provincia de seis centros de formación en Galicia, dous deles na provincia de Lugo, en Becerreá e en Monforte de Lemos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com