O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado de persoal técnico das consellerías de Cultura e Turismo e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) mantiveron hoxe, unha xuntanza a través de videoconferencia con representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería.
Trátase do primeiro dos encontros cos que a Xunta busca crear unha liña de diálogo permanente entre os distintos axentes económicos e sociais para definir de común acordo medidas que mitiguen o impacto da crise sanitaria e favorezan, unha vez superada, a súa reactivación. Neste caso concreto, a reunión abordou moi en particular iniciativas centradas no mantemento empresarial, o contexto laboral e a disposición de liquidez para o tecido empresarial da hostalería, restauración e turismo.
Inxección de liquidez
Nesa liña Balseiro lembrou que as empresas deste sector –un dos máis afectados pola crise do Covid-19 polo obrigado cese de actividade– poden acceder ás liñas de financiamento postas en marcha pola Xunta, como a de préstamos que mobilizará 250 millóns de euros para cubrir gastos esenciais como facturas, salarios ou alugueres.
En concreto, a nova liña avalará entre 3000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, con xuros que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles.
Tamén se adoptaron medidas de suspensión de prazos para a presentación de certos impostos e aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta, que chegan a subvencionar ata o 100% dos intereses.