José Manuel Balseiro conmemorou hoxe os seus seis primeiros meses como delegado territorial da Xunta en Lugo, valorando positivamente o traballo feito polo goberno autonómico na provincia dende novembro de 2016, cando se erixiu no seu posto.
O delegado destacou a responsabilidade como elemento clave na súa xestión política. Responsabilidade que pasa, afirmou, “por traballar porque a recuperación económica chegue a todos os fogares”. Balseiro quixo destacar algúns dos avances e melloras que o goberno popular fixo na provincia, tanto a nivel social, como económico.
Entre os logros que gabou Balseiro, destacou “a rehabilitación do barrio da Tinería, no que a Xunta é o principal inversor”, así como o Plan Ambiental para minimizar os danos do oso na Montaña Lucense, ou a mellora de infraestruturas da provincia co desbloqueo de proxectos pendentes como a estación intermodal de Lugo, “cuxos estudos -avanzou o delegado- estarán listos a finais deste ano”.
Por último, o delegado asegurou “sentirme orgulloso do traballo realizado polo meu equipo” e afirmou que seguirá esforzándose por que “esta sexa, como adiantou Feijóo ao principio do seu mandato, a lexislatura do rural“.