A banca quere volver colocar produtos de risco aos usuarios

A eurodeputada galega Lídia Senra, ven de denunciar ante a Comisión Europea (CE) as “políticas comerciais agresivas” que están a levar a cabo as entidades financeiras e a “presión” que están a exercer os directivos sobre o persoal traballador para que coloquen produtos de risco á clientela que non os demanda. Senra cumpre así o seu compromiso de levar a posición dos representantes sindicais de CIG-Banca á institución europea, despois da reunión que a eurodeputada mantivera con eles e elas en Santiago a finais de xaneiro.

Nunha pregunta que rexistrou esta semana no Parlamento Europeo, a parlamentaria refírese ao actual contexto no que os xuros marcados polo Banco Central Europeo (BCE) están en mínimos históricos, o que supuxo un descenso da retribución dos aforros das persoas. “Isto é aproveitado pola banca para colar investimentos en fondos tóxicos e en produtos que en moitos casos poden ter rendibilidades negativas e non están amparados polo Fondo de Garantía de Depósitos”, asegura. Así, denuncia que se están a colocar “sen a información necesaria para pequenos investidores, a pesar das sentenzas xudiciais emitidas nos últimos tempos contra episodios similares como as chamadas preferentes ou subordinadas, declaradas ilegais por unha falta de información por parte dos bancos á clientela”.

Neste sentido, Lídia Senra pídelle á CE que se posicione sobre se “non deberían ser as entidades bancarias as únicas responsables pola venda destes produtos que elas mesmas deseñan?” e sobre se “non deberían os traballadores/as quedar eximidos de toda responsabilidade na venda destes produtos?”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com