Puiden asistir a un singular concerto que a Banda do Instituto de Monterroso ofreceu días pasados na sede da Asociación Lucense de Discapacitados Intelectuais, Aspnais.
A Banda ten nome propio: Music Show Along History, e está dirixida polo profesor de música do centro, Rodrigo Vázquez García.
Que a banda sexa un conxunto de flautas que interpreta todo tipo de composicións entra dentro da normalidade dunha agrupación, mesmo a calidade desas interpretacións, pero o extraordinario é a posta en escea representando unha viaxe no tempo para poder ofrecer aos espectadores unha historia da música.
Na orixinal montaxe que alumnos e profesor ofrecen ao público figura unha máquina do tempo, da que saen personaxes ataviados segundo a época da música que se está abordando… e nunha pantalla van aparecendo nomes e circunstancias, figuras e datos que achegan ao espectador a tempos e estilos, ofrecendo un espectáculo singular, pedagóxico e atractivo, que introduce aos que o contemplan nun especial mundo musical atractivo e singular.
A banda do Instituto de Monterroso é un exemplo perfecto dos logros que poden conseguirse nun centro educativo cando hai ilusión, traballo e intelixencia. Que sexa noraboa!.